CICLO DE CONFERENCIAS / MESA REDONDA

DATA: domingo 24 de setembro

LUGAR: Centro Xove da Almáciga, Santiago de Compostela.

HORARIO: De 17:30 a 20:00 h.

ENTRADA DE BALDE (ata rematar aforo)

Durante a xornada do domingo 24 de setembro celebrarase un ciclo de conferencias coa participación de varios artistas convidados (que participan ou participaron na edición anterior do evento) no que cada un fará unha ponencia sobre o seu traballo e traxectoria, coa intención de achegar ao público asistente algúns factores esenciais importantes da súas vidas e experiencias dentro do mundo da arte na rúa.

 

A posteriori abrirase unha mesa de debate moderada polo equipo de Mutante Creativo sobre distintas cuestións ao redor da arte pública e tamén haberá un tempo para unha rolda de preguntas do público asistente.

 

PARTICIPANTES:

cestola na cachola

Xoana Almar e  Miguel Peralta (a.k.a. Nömada) levan traballando conxuntamente dende 2008 baixo o nome de Cestola na Cachola, cooperativa cultural galega na que xuntos desenrolan proxectos de pintura, ilustración e muralismo combinados con outros centrados na formación e difusión de economía social e solidaria da man de Raquel Doallo, a outra pata da mesa desta cooperativa.

 

Os seus traballos caracterízanse por un profundo coñecemento da cor, na que predominan sutís patróns e texturas complexas, combinados con complexas composicións e a representación da figura da muller como eixo principal de gran parte das súas obras. Facianas incólumes que nos falan de antigas lendas ou historias verídicas nas que a figura feminina xoga un papel crucial do seu discurso narrativo.

novenoel

NOVE NOEL (Rianxo 1989) é técnico en Ilustración pola EASD Pablo Picasso de A Coruña, e Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Santiago de Compostela. Traballa como ilustrador e pintor mural freelance dende 2011 para empresas, particulares e institucións ( Bergen Audiovisual, TVG, Concello de Santiago, Deputacion da Coruña, Editorial Elvira, Cabezas Cuadradas, Vaova Gastro entre moitas outras) .

Premiado polo seu traballo no 3o Concurso de Ilustracion Sociedad Valle del Oro (2010) e GZ Crea (2012 e 2017) participa tamén en numerosos festivais de arte urbano en España, Portugal e México. ( Desordes Creativas, O ́Marisquiño, Rexenera Fest, Eutopia, Imagina San Javier, Acapulco Pro, Street art Mujam….entre moitos outros)

Recibe becas de creación e residencia artística en Cordoba (España) , Anoguleme (Francia) e Guadalajara (Mexico) onde realiza súa primeira mostra individual de ilustración e pintura na Galeria Apollinaire en Maio de 2016

Actualmente reside en Santiago de Compostela.

yoseba mp

Joseba Muruzábal, alias Yoseba MP, afincado en Santiago de Compostela, é un dos máximos expoñentes da pintura mural contemporánea en Galiza. A súa obra caracterízase por un marcado estilo realista, e en ocasións unido ao surrealismo, onde mostra escenas cotiás, a través dunha pincelada moi suxestiva e de forte influencia fotográfica. 

Nos últimos tempos está a traballar nunha serie de murais e cadros chamada 'Fenómenos do rural', onde as nosas avoas convértense en superheroínas dotadas de peculiares poderes sobrehumanos, rendendo así homenaxe á muller como figura crucial na nosa sociedade.